Docentes de seis comunidades reúnense na Coruña para compartir boas prácticas e mellorar os espazos educativos

2 minutes read

O CEIP Juan Fernández Latorre exerce como anfitrión do proxecto estatal “Brotes Verdes”, que promove a innovación, a colaboración entre centros e a formación docente a través da mellora de espazos escolares como patios e hortos

O Concello da Coruña acolleu este xoves a recepción institucional aos equipos docentes participantes no proxecto educativo estatal «Brotes Verdes», unha iniciativa impulsada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional ao abeiro da convocatoria de Agrupacións de Centros Educativos.

O proxecto ten como obxectivo fomentar a innovación pedagóxica e o traballo colaborativo entre centros de distintas comunidades autónomas, promovendo accións como a creación de novos espazos de lecer e aprendizaxe, a reactivación de hortos escolares e, sobre todo, o fortalecemento da formación docente a través do intercambio de experiencias e a observación directa noutras realidades educativas.

Durante esta semana, a cidade da Coruña exerce como sede do segundo encontro presencial do programa, tras o primeiro realizado no mes de xaneiro no CEIP Príncipe de Asturias de Montijo (Extremadura). O CEIP Juan Fernández Latorre, situado no barrio do Castrillón, actúa como centro anfitrión desta fase do proxecto.

No acto de recepción institucional, celebrado no Salón de Plenos de María Pita, o concelleiro de Educación Juan Ignacio Borrego deu a benvida ao profesorado participante e recoñeceron o labor desenvolvido por este grupo de centros públicos comprometidos cunha educación innovadora e inclusiva.

«O máis valioso da educación acontece cando compartimos, cando aprendemos das outras e dos outros», subliñou a alcaldesa, que puxo en valor o papel do CEIP Latorre como «exemplo de implicación, dinamismo e vocación de servizo público». Pola súa parte, o concelleiro Juan Ignacio Borrego destacou que proxectos como «Brotes Verdes» «enriquecen a experiencia educativa, melloran a calidade do ensino e fortalecen os vínculos entre comunidades escolares».

A agrupación educativa «Brotes Verdes» está composta por seis centros de distintas comunidades: 

  • CEIP Juan Fernández Latorre (A Coruña, Galicia)
  • CEIP Antonio Machado (Fuenlabrada, Madrid)
  • CEIP Príncipe de Asturias (Montijo, Extremadura)
  • CEIP Lope de Vega (Armunia, León, Castela e León)
  • CEIP Diego Martínez Rico (Ceutí, Murcia)
  • CEIP Gaspar Remiro (Épila, Zaragoza, Aragón)

A participación do CEIP Juan Fernández Latorre inclúe accións para mellorar os espazos do patio e do horto escolar, sempre en diálogo coas necesidades do alumnado e coa implicación activa da comunidade educativa. A través do proxecto, o profesorado terá ocasión de coñecer voas prácticas doutras rexións, achegar a súa propia experiencia e establecer dinámicas conxuntas que se manterán ao longo do curso escolar.

O director do CEIP Juan Fernández Latorre, Juan Francisco Vicente González, participou no acto xunto ao profesorado visitante, nun encontro que serviu tamén para poñer en valor o papel da ensinanza pública como motor de transformación social. A recepción institucional simboliza o compromiso do Goberno municipal coa educación como prioridade estratéxica e subliña a importancia de fortalecer os vínculos entre as administracións e os centros educativos, traballando conxuntamente por unha cidade máis inclusiva, innovadora e cohesionada.