Cabana | O Castro Animado devolverá a Borneiro á idade castrexa o 12 de xullo

1 minutes read

O Concello de Cabana de Bergantiños programa para o vindeiro 12 de xullo unha nova edición do Castro Animado, unha festa onde a música, a arte e a gastronomía se dan a man nunha viaxe de regreso á Idade do Ferro.

A partir das 17:00 horas, comezarán as actividades cun encontro entre os habitantes doutros castros convidados. O evento contará cunha ampla oferta gastronómica, con degustacións de produtos típicos da zona, xeados artesáns e bebidas castrexas. Ademais, haberá demostracións e venda de cerámica e outros artigos de artesanía tradicional.

A nota máis lúdica e festiva virá da man dos xogos populares, da animación musical a cargo da banda de gaitas O Son do Castro, das visitas teatralizadas con Yago Espasandín e dun espectáculo aéreo de circo e teatro ofrecido por Sue Moreno 4.0.

Xa entrada a noite, a celebración continuará cunha gran churrascada, seguida dunha verbena amenizada por diferentes agrupacións musicais e o tradicional ritual da queimada.