A cervexería de Estrella Galicia acolleu este mércores a presentación oficial do cartel da 40ª edición da Carballeira de Zas, que se celebrará os días 8 e 9 de agosto e contará con actuacións como as de Sés; Tanxugueiras; Caamaño&Ameixeiras; Mercedes Peón ou Agoraphobia, entre moitas outras. A deputada de cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, estivo no acto xunto ao alcalde de Zas, Manuel Muíño; o director do festival, Fidel Otero; a responsable de Earned Media en Estrella Galicia, Loreto Rodríguez Fuente e as artistas Sés María Xosé Silvar e Mercedes Peón.
«Unha cita de referencia, marcada no calendario de todos os veciños e veciñas da comarca, pero tamén da provincia e do país», sinalou a deputada. González puxo tamén en valor o traballo da organización «ano tras ano» deste festival, «nacido do corazón dunha comunidade viva e orgullosa, para celebrar a nosa identidade, cunha 40ª edición moi especial, con música 100% en galego e en feminino».
«A segunda fin de semana de agosto, Zas converterase de novo nese espazo onde a tradición se mestura coa creatividade, onde as nosas raíces dialogan co mundo enteiro dende a sombra acolledora dunha carballeira chea de historia e emoción» engadiu a deputada. «Unha cita que vai máis aló da música, pois é patrimonio inmaterial, natureza, comunidade… e que, ademais, ofrece actividades pensadas para todos os públicos, involucrando ás crianzas no amor polo noso».
A Carballeira terá o pracer de ter sobre o seu escenario Estrella Galicia o venres a artista Catuxa Salom, gañadora do premio Martín Códax no 2024, na categoría «Músicas do Mundo e Mestizaxe»; Tanxugueiras e Agoraphobia. O sábado, desde primeira hora, a música e a festa serán protagonistas cunha programación para todos os públicos. A xornada comezará coa actuación da banda de música infantil Uxía Lambona, continuando con A Banda da Loba. Non faltará a xa tradicional mexilloada popular de balde, acompañada dunha oferta variada de gastronomía, mercado artesán, zona infantil e sesión vermú para desfrutar en boa compaña.
Pola tarde terá lugar a Gran Foliada da Carballeira, da man de Chorima, Gaiteiras de Xiradela, Pandereteiras de Raigañas, Gaiteiras de Buxantes, As Lerchas e Xela Cantareira. O proxecto musical Carmela pechará a tarde. Pola noite, os concertos seguirán no escenario Estrella Galicia da man de Caamaño Ameixeiras; Mercedes Peón; SÉS e Señora DJ.