A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este xoves nunha das actividades ordinarias de control da actividade pesqueira de Gardacostas de Galicia, onde comprobou, acompañada do xefe de Protección de Recursos, Juan Carlos Codesido, o extraordinario labor que desenvolven os efectivos deste departamento, dependente da Consellería do Mar, en prol da seguridade cidadá e a protección da actividade marítimo-pesqueira.
E que este servizo opera as 24 horas e os 365 días do ano, dando resposta inmediata aos incidentes que se producen no litoral. Nos seus 35 anos de historia, cumpridos o pasado domingo, 10 de agosto, salvou a vida de máis de 1.700 persoas, encargándose, de xeito paralelo, de facer fronte á contaminación, preservar a contorna mariña e á loita contra o furtivismo. Un traballo que a conselleira cualificou de esencial e para o que a Consellería destina 18 millóns de euros nos Orzamentos de 2025.
Precisamente, no marco do obxectivo de frear a pesca ilegal, evitar a fraude e garantir a salubridade dos produtos do mar, centrada en que o recurso non saia do seu medio, incautando as artes e medios empregados obtidos de forma irregular, Gardacostas leva realizados no primeiro semestre do ano 5.997 inspeccións, levantou 1.520 actas de infraccións, comisou 16.684 quilos de peixe e marisco e confiscou 18.824 de aparellos de pesca. En 2024 estas intervencións por prácticas non regulamentadas, pola mesma orde, se deglosan do seguinte xeito: 10.714, 2.644, 28.336 e 28.086, respectivamente.
Medios humanos e materiais
Compoñen este organismo encargado da vixilancia, busca, salvamento e protección do medio mariño nas augas galegas, 144 efectivos, que se reparten entre os Servizos Centrais, en Santiago de Compostela, e as nove bases operativas: Celeiro, Ferrol, A Coruña, Muxía, Portosín, Ribeira, Vilaxoán, Pontevedra e Vigo. Este equipo compleméntase cos 163 gardapescas que a Xunta subvenciona directamente ás confrarías.
En canto aos medios materiais, estes divídense en navais (3 buques multipropósito, 9 patrulleiras e 11 planeadoras), aéreos (helicópteros Pesca 1 e Pesca 2 con bases en Vigo e en Celeiro, respectivamente) e terrestres (69 vehículos, 4 camionetas, 2 camións e 3 naves nas bases de Tragove, Sada e Celeiro).
Outras actuacións destacadas
Co fin de optimizar as operacións de rescate e salvamento, así como as tarefas de control, Gardacostas reforzou a colaboración cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado (Garda Civi, a Unidade de Policía Nacional adscrita a Galicia, a Policía Local e gardapescas) e impulsa distintas accións de sensibilización social en aras de concienciar á poboación sobre a importancia da actividade marisqueira e da ilegalidade que supón a extracción de marisco sen permiso de explotación.
A actividade de hoxe desenvolveuse a bordo da patrulleira Mar de Galicia, recepcionada en 2021. Dispón de 38 metros de eslora e dunha con capacidade para doce persoas e unha permanencia no mar de ata cinco días. O límite de carga e de 170 toneladas.