A actriz, dramaturga e directora Areta Bolado, elixida Xograresa de Outono do FIOT 2025

6 minutes read

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2025 o premio Xograresa de Outono a Areta Bolado. Deste xeito, o encontro, unha cita de referencia en Galicia e no estado polo seu traballo a prol da creación de novos públicos e o fortalecemento da escena, mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas. 

Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar á actriz, dramaturga e directora Areta Bolado, unha das fundadoras da compañía A Panadaría. No seu fallo, o xurado destacou á artista, ademais de pola súa relevante e valiosa traxectoria para as artes escénicas galegas, «pola riqueza e a versatilidade dunha creadora que é actriz, dramaturga e directora, co desexo de visibilizar novas formas de xograres e novas xeracións no FIOT, con figuras como Areta, que abren renovados e estimulantes camiños para as artes escénicas galegas». O xurado remarcou, tamén, «a solidez da traxectoria de Areta Bolado, tan querida pola súa linguaxe contemporánea irreverente e estimulante, cunha bagaxe recoñecida dentro e fóra de Galicia, e cun pulso creativo que comparte valores fundamentais para FIOT como a loita polo feminismo e a inclusión».

Areta Bolado –cuxos espectáculos xunto á compañía A Panadaría foron tan celebrados nas súas visitas ao Pazo da Cultura de Carballo– recollerá o seu galardón este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, collendo o relevo do actor e narrador Avelino González, premiado en 2024. 

SOBRE ARETA BOLADO

Areta Bolado (O Porriño, 1985) é actriz e creadora escénica. Foi unha das fundadoras da compañía A Panadaría, na que artellou un teatro hilarante, transgresor e profundamente político. Dentro desta formación, ademais de coordinar todos os proxectos pedagóxicos, foi cocreadora e actriz de PAN!PAN!PanamericanaElisa e Marcela e As que limpan.

O seu carácter irreverente e lúdico como intérprete enchoupa outros proxectos teatrais e audiovisuais, como Soño dunha noite de verán (Marta Pazos, Voadora), Neorretranca e Posmorriña (Centro Dramático Galego), 9 Fugas (Fon Cortizo), Descarrilados (Fer García Ruiz) ou Xan (Lucía Estévez e Miguel Canalejo). Como creadora, mantén desde hai anos unha vía de exploración entre a música e o teatro xunto con Ailén Kendelman, da que xurde o conxunto internacional Áureas, a conferencia-concerto Barba Inguinal e o máis recente Unha señora orquestra.

Na súa traxectoria recibe numerosos premios autonómicos e estatais como actriz, dramaturga e directora, mais tamén foi recoñecida por diversos colectivos polo seu compromiso feminista e polos dereitos do colectivo LGBTIQ+.

UN NOVO TROFEO PARA A XOGRARESA DE OUTONO DO FIOT 2025

Como unha mostra máis da aposta do FIOT pola raíz e o apoio ao talento local, neste 2025, a Asociación Telón e Aparte encargoulle o deseño do novo trofeo da Xograresa de Outono á artista e artesá carballesa María Barca, impulsora do espazo CRÚA en Carballo. A creadora será tamén a encargada do deseño do Premio do Público do FIOT a partir desta 34ª edición da cita.

María Barca é carballesa de nacemento, pero, sobre todo, de corazón. Fala pouco, mais ten mans creadoras. Ela di que non é fotógrafa, oleira ou ceramista, senón que desfruta de afrontar novos retos coas mans sen etiquetas. Estudou Belas Artes na Universidade de Vigo, tratando de combinar traballos plásticos e fotográficos. Sinte predilección polos proxectos sociais, solidarios e educativos, a produción artesanal, a cerámica e a fotografía documental. Despois de ter pasado por Madrid, Perú, Bilbao ou Berlín, regresou a casa, onde continúa ampliando a súa formación tanto artística como persoal. En agosto de 2022 publicou o seu primeiro libro, Buño de seu, un traballo documental e fotográfico sobre os oleiros e oleiras desta vila, que supuxo o seu achegamento definitivo ao mundo da cerámica. En novembro do 2022 abriu as portas dun espazo que materializa as súas aspiracións creativas: CRÚA, un obradoiro de cerámica en Carballo.

Esta nova colaboración do FIOT con María Barca amosa o desexo do festival de abrirse a novas disciplinas e poñer en valor outras ricas manifestacións artísticas, entre elas, a olería, que ten un peso tan importante na comarca bergantiñá. Con este deseño dos trofeos da Xograresa de Outono e do Premio do Público por parte da artesá carballesa, o FIOT cristaliza unha vez máis a súa aposta pola transversalidade e a converxencia entre as diferentes artes, o feminismo, o apoio ao talento emerxente e o impulso da creación local, poñendo tamén en valor a nosa raíz, o traballo manual e a tradición baixo un prisma contemporáneo.

SOBRE O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO (FIOT)

Máis de tres décadas creando teatro

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con preto de 40 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.

Desde hai 34 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha programación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.

Nas súas pasadas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…

Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.