O Concello de Cabana segue a promover actividades extraescolares para a veciñanza con motivo do inicio dun novo curso 2025/2026 en todo o termo municipal.
A iniciativa, que contempla dúas programacións diferenciadas e función da temática: Unha cultural e deportiva, e outra social nas parroquias, dirixida ás persoas de todas as idades. Comezarán a desenvolverse o 1 de outubro.
As distintas Escolas Municipais de Cabana ofertan aulas de solfexo, iniciación musical, piano, canto, batería, guitarra, gaita, teatro e baile de ritmos latinos, no plan cultural.
Mentres que no deportivo, os interesados e as interesadas en idade escolar, poderán matricularse en clases de baloncesto, patinaxe, atletismo, predeporte, deporte de raqueta, fútbol sala, ximnasia rítmica, xadrez e aerobic infantil. Nesta liña, as persoas adultas poderán inscribirse en ximnasia terapéutica, pilates, ximnasia de mantemento, ioga, aerobic-step, fútbol sala, full body e hockei.
Nas parroquias, pola outra banda, ófertanse obradoiros de memoria, actividades físicas, de manualidades, cestería, arranxos florais, macramé, ganchilo, ioga, coiro, labores, canto e pandeireta durante todo o ano e por trimestres.
INSCRICIÓNS
O 2 de setembro abre o prazo para que as persoas interesadas en participar reserven a súa praza naquelas actividades que o desexen. Dispoñen ata o 11 dese mesmo mes para facelo a través da web municipal, das redes sociais ou dos servizos de mensaxería municipais, puidendo acodir presencialmente ao Concello en horario de 9:00 a 14:00 horas.
No caso das actividades deportivas e culturais, requírese dunha preinscrición e para as da Escola Municipal de Música José María Álvarez Canto realizarase unha solicitude presencial no Concello o luns 15 de setembro, dende as 15:30 ata as 19:00 horas.
O custe das aulas é o mesmo para ambas programacións, diferenciando unha taxa individual: 20 euros para as persoas empadroadas; 30 para as non empadroadas, e unha familiar: 36 euros para as empadroadas e 45 para as non empadroadas.