- Será grazas a Lei de Educación Dixital que será remitida ao parlamento este mesmo outono, co obxectivo de que sexa aprobada antes de que remate o vindeiro curso.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns que Galicia “vai ser pioneira ao regular por lei o uso das novas tecnoloxías nas aulas” dos centros educativos. Será a través da futura Lei de educación dixital que será aprobada logo dun proceso participativo.
Deste xeito, tal e como resaltou o presidente, Galicia dará novos pasos “na consolidación dun modelo híbrido na educación, que combine o papel e as novas tecnoloxías” para garantir a mellor formación posible ao alumnado. Tendo en conta a necesidade, na sociedade actual, de que os estudantes adquiran competencias dixitais, o obxectivo da Xunta é adecuar o uso das tecnoloxías dixitais nas aulas á etapa educativa e ao grao de madurez e desenvolvemento dos estudantes.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional elevou hoxe un informe ao Consello co fin de coñecer os avances na elaboración da futura lei. Nas vindeiras semanas continuará a redacción cunha rolda de reunións con expertos na materia e con representantes da comunidade escolar para articular unha normativa que aspira a ser referente tamén fóra de Galicia, pois ningunha Administración ten regulado este ámbito tan relevante no ensino de maneira global a través dunha lei integral.
Tal e como explicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, dotar o alumnado galego de competencias dixitais é básico para desenvolverse na sociedade actual e a Xunta quere que os fagan “dun xeito seguro, crítico e competitivo”. “Temos que xestionar o presente para preparar o futuro”, indicou.
Trátase de competencias básicas na vida en xeral e no fomento das vocacións STEM vencelladas á ciencia, á tecnoloxía, á enxeñaría e ás matemáticas. O obxectivo desta lei é facelo en equilibrio con outras metodoloxías máis tradicionais, de maneira que ambas convivan en harmonía e se complementen dentro dos plans de estudos. “Buscamos regular con coherencia, responsabilidade e visión de futuro os dereitos e deberes dos diferentes membros da comunidade educativa respecto as novas tecnoloxías”, indicou o conselleiro.
Uso por etapas escolares
Quérese así asegurar o axeitado desenvolvemento cognitivo e de habilidades sociais e manipulativas, con variedade de metodoloxías e tipoloxías de recursos para, dese xeito, maximizar os seus beneficios e acoutar ou seus posibles riscos asociados. Ademais, o emprego destas tecnoloxías sempre contará coa supervisión do profesorado. Con este fin, en Educación Infantil e nos dous primeiros ciclos de Primaria (é dicir, 1º, 2º, 3º e 4º curso) o uso será colectivo, mentres que o uso individual se dará a partir de 5º de Primaria.
Na primeira infancia, primará a interacción física e manual. Así, en Educación Infantil favorecerase o contacto seguro coas TIC (tecnoloxías da información e a comunicación) a través de actividades que acheguen especial valor, formen parte dunha experiencia global de aprendizaxe e estean baseadas en experiencias emocionalmente positivas.
Pola súa parte, en Educación Primaria, o uso das TIC será gradual e proporcionado, acompasado co desenvolvemento socioafectivo e cognitivo do alumnado e garantindo que non se interfire nas actividades manipulativas e motrices. Progresivamente, introduciranse aspectos de seguridade, benestar e convivencia e bo trato, a xestión da información e o pensamento crítico. A partir de 5º de Primaria seguirá sendo posible o uso individual dos equipamentos dixitais. Precisamente, este é o curso en que os centros poden acceder voluntariamente ao programa E-Dixgal, establecido ata 4º da ESO.
Finalmente, na Educación Secundaria, o emprego das tecnoloxías dixitais centrarase na adquisición de competencias tecnolóxicas básicas e na reflexión ética e crítica para acadar, a través desta vía, un uso autónomo, responsable e consciente delas.
Corresponsabilidade das familias
Co obxectivo de garantir esta introdución progresiva das TIC, incentivarase a coordinación entre as etapas de Infantil e de Primaria. En ambos os casos deberá haber, ademais, unha colaboración estreita entre os centros e as familias para respectar e fomentar a responsabilidade fundamental que estas desempeñan neste eido durante a infancia. A este respecto, haberá sesións específicas de titoría e información ás familias.
A participación activa, informada e corresponsable das familias manterase tamén na ESO. Así, o profesorado titor trasladará de modo inmediato ás familias calquera sinal de alarma que poida xurdir no uso indebido das TIC, contando co acompañamento necesario.
Nas distintas decisións que se adopten en relación co acceso ás TIC deberá terse en conta o mellor coñecemento científico dispoñible e fomentar a convivencia positiva.
Os medios dixitais que se van utilizar estarán recollidos nos proxectos dixitais de centros, e tanto as familias como o alumnado recibirán toda a información pertinente e necesaria para o seu uso seguro e adaptado ás normas de convivencia. A Consellería facilitará modelos e recursos para trasladar toda esta información dun xeito claro e sinxelo.