O Concello da Laracha vén de executar un proxecto singular que busca poñer en valor a paisaxe urbana de Caión e reforzar a súa proxección turística a través da arte e a creatividade. Baixo o título O mar de Caión: Un achegamento ao medio ambiente mariño e costeiro, a iniciativa incluíu a instalación das novas letras corpóreas co nome da vila e a creación da ruta Self-Caionízate.
As letras corpóreas co nome de Caión no paseo marítimo están chamadas a converterse nun dos símbolos máis recoñecibles da vila. Realizadas en aceiro corten, foron deseñadas cunha estética contemporánea que dialoga coa paisaxe marítima e a tradición mariñeira. O material escollido ofrece unha pátina natural de óxido que evoca imaxes de barcos, áncoras e elementos propios do mar, á vez que garante durabilidade e mínima necesidade de mantemento. A letra “C”, cunha forma que esquematiza unha balea, rende homenaxe á historia mariñeira de Caión e á profunda relación do pobo con ese cetáceo. O conxunto intégrase harmoniosamente coa cor dos pavimentos do paseo marítimo. Consolídase, así, o paseo marítimo como un espazo de encontro e de promoción da imaxe de vila.
Pola súa parte, a ruta Self-Caionízate permite descubrir Caión a través de diferentes puntos pensados para inmortalizar a visita, ofrecendo unha experiencia turística novidosa e orixinal. Son cinco estruturas preparadas para que os usuarios apoien os seus smartphones e poidan tomar autorretratos en lugares tan destacados a zona na que se sitúan as novas letras corpóreas, o paseo marítimo xunto ao museo do Arquivo da Pesca, o Sendeiro de Saldoiro, a praia das Salseiras e a praza da Ribeira (baixada ao porto).
O proxecto complétase coa realización de dous novos murais artísticos en Caión que serán presentados en próximas datas e coa realización de actividades de educación medioambiental.
Esta iniciativa é posible grazas ao apoio da Consellería do Mar no marco da liña de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo, a través dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Fondo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027.
O Concello invita veciñanza e visitantes a achegarse a Caión para descubrir estes novos elementos pensados para poñer en valor a identidade patrimonial e mariñeira da vila e, ao mesmo tempo, dinamizar o turismo cunha proposta moderna, creativa e en harmonía coa paisaxe costeira.