A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de adxudicar, por un orzamento de 332.310 euros a execución das obras dunha senda peonil en Pazos, no concello de Ponteceso.
Con este contrato, adxudicado á empresa Cosmalca, S.L., trátase de construír un itinerario peonil de na estrada AC-419, no treito que vai desde o punto quilométrico 2+990 ata o 3+350.
Executaranse unha senda peonil pola marxe esquerda da travesía, unha zona de aparcamento, dous pasos de peóns e un reforzo da sinalización existente.
Estas intervencións pretenden mellorar a seguridade viaria na zona de circulación, dar continuidade ao itinerario peonil existente e executar pasos de peóns seguros.
Este proxecto desenvólvese ao abeiro do Plan Hurbe, un programa da Xunta que impulsa actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos para contribuír á revitalización do territorio. En concreto, a actuación englóbase nas actuacións de urbanización e mellora de espazos públicos que se inclúen neste programa.