A I Cocedura Tradicional Aberta de Buño está impulsada pola Asociación Olería de Buño, o Concello de Malpica de Bergantiños e a Deputación da Coruña, co obxectivo de apoiar a divulgación e a posta en valor da olería tradicional desta localidade da Costa da Morte, que constitúe o centro de olería tradicional máis activo de Galicia.
A cocedura tradicional de Buño é un evento con máis de 20 anos de historia, que se celebra na contorna do Ecomuseo do Forno do Forte e que se deixara de realizar por mor da pandemia. Este ano, a Asociación Oleira de Buño recupera esta iniciativa e ábrea a diferentes profesionais e afeccionados á cerámica para que poidan levar as súas propias pezas a cocer neste forno do século XIII, co método tradicional. Deste xeito, inicíase unha nova etapa de achegamento da cultura, das formas e das técnicas de Buño a unha comunidade crecente de ceramistas e oleiros.
A xornada deste sábado estivo marcada pola carga de pezas no forno, o prendido e a cocedura, así como pola Festa da Carroa, que tivo lugar a partir das 21,00 h. con música e gastronomía, recuperando así tamén a festa coa que se celebraba o bo resultado despois da cocedura. Este domingo foi o momento de abrir o forno e de recoller as pezas.
Remuda xeracional
Dende o ano 2023, as técnicas e as formas da olería tradicional de Buño constitúen un dos focos do Aprender da tradición. Oficios e técnicas, un programa de formación impulsado pola Xunta, dirixido a artesáns xa en activo e tamén a novos talentos co obxectivo de impulsar a remuda xeracional no sector.