O deputado nacionalista Daniel Pérez defenderá o martes 30, na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, unha proposición non de lei na que insta á Xunta de Galicia a tomar as medidas necesarias para evitar os importantes prexuízos que están a padecer as persoas usuarias do servizo de transporte público entre Carballo e A Coruña. O deputado carballés demanda que por parte da empresa concesionaria se proceda “o reforzo inmediato” da liña directa, “establecendo saídas que partan de Carballo, nomeadamente nas franxas horarias de maior demanda”. Así mesmo, solicita que por parte da empresa se estableza un sistema operativo que garanta o respecto da orde de chegada nos embarques e que comunique por escrito cal é, de existir, o protocolo que está a utilizar na actualidade.
Daniel Pérez alude á necesidade de promocionar o transporte público fronte aos desprazamentos individuais como unha medida indispensable para mellorar a mobilidade da poboación baixo parámetros de benestar social e loita contra o cambio climático. Mais na liña entre Carballo e A Coruña, incluída na área coruñesa do transporte metropolitano, os centos de persoas que a utilizan a diario deben enfrontarse a un problema recorrente: a falta de prazas, e a conseguinte imposibilidade de viaxar, porque por parte da empresa dáselle prioridade aos pasaxeiros que realizan os traxectos máis longos, sen respectar a orde de chegada nin ter en conta que boa parte das viaxes son por motivos de estudos ou traballo, polo que están suxeitas a horarios concretos.
“Esta práctica da empresa concesionaria é claramente arbitraria, quebranta o principio de equidade e igualdade e non está amparada por ningunha normativa legal ou regulamentaria que sexa pública. Ademais, xera sensación de desamparo e indefensión nas persoas usuarias ao tempo que deteriora a confianza no funcionamento dun servizo público fundamental para moita xente, para o benestar social e a mobilidade sostible”, denuncia o deputado.
Daniel Pérez considera que a Xunta de Galicia, como administración competente, non pode consentir unha práctica habitual que é “incompatible cun servizo público, que supón un tratamento desigual entre persoas usuarias, que afecta á fiabilidade e correcto funcionamento do servizo e atende a un interese espurio, puramente economicista, da empresa concesionaria”. Polo tanto, a Xunta está obrigada a esixir a inmediata corrección deste sistema inxusto e inxustificado, a organización do servizo desa liña dun xeito claro e baixo criterios obxectivos e, no seu caso, adoptar medidas disciplinarias e as sancións que correspondan á empresa concesionaria.