O outono cabanés chega repleto de propostas culturais incluídas na programación municipal

3 minutes read

O Concello de Cabana de Bergantiños presenta a súa ampla variedade de propostas culturais chegadas tras o cambio de estación. Os ‘Domingos de baile’, cinema, obradoiros infantís, teatro, exposicións, o festival ‘As nosas músicas’, as actividades conmemorativas do 25N, o xantar solidario de Cáritas e as actividades de Nadal ata o 14 de decembro son os eventos máis destacados.

O 19 de outubro ás 19:00 horas comezan os ‘Domingos de baile’, propostos ata o 21 de decembro coas actuacións de Judith Cundíns, Rocío Pérez, Dúo Élite e Mar de Caión. Serán cinco sesións espalladas polos meses de outubro, novembro e decembro no Centro de Maiores de Cabana de Bergantiños.

O 23 de outubro ás 18:30 horas chega ‘Olladas do sur’, cinema curto do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Proxectarase no Centro de Maiores de Neaño.

O 25 de outubro ás 16:30 horas, Dara Store dirixirá un obradoiro infantil de Samaín para decorar cabazas na Casa do Pendón. É preciso inscribirse previamente no teléfono 667 39 95 83 do 13 ao 16 de outubro.

O 26 de outubro ás 18:00 horas a compañía de teatro Ghazafelhos representará a obra “H2…OH” no Auditorio Municipal e para pechar outubro, dúas propostas: O día 31 ás 11:00 horas teremos un obradoiro infantil de disfraces de Samaín, novamente a cargo de Dara Store e con inscricións previas no teléfono 667 39 95 83 do 13 ao 16 de outubro; e tamén a representación teatral ‘As cores e segredos do Samaín’ con Os Quinquilláns e o acompañamento musical de O Son do Castro. A partir das 19:00 horas.

Xa en novembro, o día 9 ás 18:00 horas a compañía Assircópatas executará ‘Rogelio, un payaso en recuperación’.

O sábado 15 de novembro ás 18:00 horas celebrarase o festival ‘As nosas músicas’ no Auditorio Municipal. Poderemos cantar e bailar cos músicos cabaneses Jacinto Paredes, Manuel Souto, O Son do Castro, Grupo de Gaitas Maruxía, Os Enxebres de Cabana, Vento da Barra, Os Farrapos e Barreiro&Mato.

Un día máis tarde, o 16 de novembro ás 18:00 horas, a compañía de teatro Pedras de Cartón representará ‘Os contos de William Shakespeare’ no Auditorio Municipal.

O domingo 23 de novembro, ás 18:00 horas, quenda para ‘OD(I)OSA’ da compañía de danza Proxecto Morriña.

O martes 25 de novembro, desde as 11:00 horas, programación especial conmemorativa ‘Contra a violencia de xénero, a forza feminina’. Para asistir é necesario a inscrición previa no Concello de Cabana de Bergantiños, departamento de Cultura no 981 75 40 20.

O domingo 30 de novembro, o xantar solidario de Cáritas de Cesullas, Canduas e Borneiro desde as 14:00 horas. Será no Pavillón Municipal. Colabora o Concello de Cabana de Bergantiños.

Para decembro, tres propostas con espírito do Nadal: o 7 de decembro ás 18:30 horas o XXI festival ‘Tempos de Nadal’ coas corais de Cesullas e Santa Mariña de Ponteceso. Organiza a Asociación de homes e mulleres da Coral de Cesullas e colabora o Concello de Cabana de Bergantiños. Será no Auditorio Municipal. O venres 12, ás 19:00 horas, o festival de panxoliñas ‘Abrazando o Nadal’. Reuniranse no Auditorio Municipal a coral San Martín de Canduas, Cesullas, Son de Cabana e Cantareiras de Anos. O domingo 14, ás 18:00 horas, o contacontos ‘A viaxe de Nano’, con Raquel Queizas, no Auditorio Municipal.

Centro arqueolóxico Dolmen de Dombate

Durante outubro, poderase visitar a exposición ‘Cantade todos a unha. O cantigueiro popular galego’, proposta pola Xunta de Galicia. Ademais, haberá visitas guiadas de venres a domingo en dúas quendas diferentes: 10:30 a 14:00 horas e 16:00 a 18:30 horas.