O programa de compostaxe doméstica supera o milleiro de participantes en Carballo e abre un novo prazo de solicitude

2 minutes read

Dende o Concello de Carballo seguen apostando pola compostaxe como a fórmula máis axeitada para a xestión dos residuos orgánicos, tanto a través da iniciativa “Ti tes a chave”, que se desenvolve na zona urbana con máis de 1.500 participantes, coma do programa de compostaxe doméstica, que, ademais de contribuír á redución do lixo, facilita ás familias da zona rural a utilización dun abono de calidade nas hortas domésticas. Nestes momentos contamos con 1.121 familias practicando a compostaxe na zona rural, un 80% máis que hai catro anos.

Pero queren que o voluntariado verde continúe medrando no noso concello, e por iso seguen recollendo solicitudes para un próximo reparto de composteiros. As persoas interesadas só teñen que cubrir o impreso que aparece ao final desta nova e presentalo de xeito presencial no Rexistro Municipal, na planta baixa da casa do concello, ou de xeito telemático a través da Sede Electrónica, en carballo.gal. O único requisito é dispoñer dunha parcela de 50 metros cadrados como mínimo.

O Concello de Carballo non só facilita os composteiros de balde ás familias interesadas, senón que tamén lles entrega un aireador e unha malla para toupas, e, fundamentalmente, un programa de formación e seguimento personalizado. Tamén está a disposición das persoas usuarias do programa un punto de acopio de material estruturante xunto ao punto limpo, no polígono industrial de Bértoa, ao que poden acudir libremente e de balde. Con esta iniciativa trátase de facilitar o labor da compostaxe a familias que carecen de recursos na súa parcela para realizar o aporte de materia seca que precisa o composteiro. E se se vos presenta algunha dúbida á hora de utilizalo, botádelle unha ollada a este titorial.

Carballo foi un concello pioneiro en Galicia na implantación da compostaxe doméstica, que comezou cunha experiencia piloto que se puxo en marcha a finais do ano 2014. Desde aquela, a participación non deixou de medrar, pero ten que facelo aínda moito máis. Súmate ao voluntariado verde! Solicita o teu composteiro cubrindo o formulario de solicitude que atoparás de seguido.

https://carballo.gal/wp-content/uploads/2025/09/solicitude_composteiro_individual.pdf