A información pública o cambio de clasificación da variante de Aradas, en Santiago

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publicou no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete a información pública o cambio de clasificación da variante de Aradas, en Santiago de Compostela.

O obxectivo da modificación é equilibrar a necesaria defensa do dominio público viario cunha xestión máis acorde co desenvolvemento da actividade económica e urbanística na contorna da vía autonómica VG-1.8, que comunica o polígono industrial do Tambre coas estradas provinciais a Santa Comba e Trazo.

Os documentos que se someten a información pública propoñen a modificación de clasificación funcional da variante de Aradas, que no momento da súa construción definiuse desde o punto de vista legal como vía de alta capacidade, xerando polo tanto unha liña límite de edificación de 50 metros.

O departamento de Infraestruturas da Xunta impulsa esta cambio na súa clasificación, de modo que, sen que signifique ningunha modificación na súa configuración física, permita que a súa liña límite de edificación se reduza a 15 metros.

O cambio sometido a información pública é coherente coa modificación da Lei de estradas, que tamén racionalizou a afección territorial das estradas, reducindo de forma significativa a afección en gran parte da rede autonómica e provincial, ao vincular a liña límite de edificación á clasificación funcional das vías. Así, mantivéronse os 15 metros na rede estruturante e complementaria, e reduciuse a 7 metros na rede local.

O prazo para a presentación de suxestións estenderase durante 30 días hábiles. 

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha