A 2ª edición dos Instagrammers no Camiño duplicou o seu alcance

1 minutes read

A segunda edición de Instagrammers no Camiño pechouse duplicando os impactos da primeira, con máis de 27 millóns de impactos conseguidos a través das máis de 400 publicacións realizadas polos seis instagrammers que participaron. Os cantantes Luis Cepeda e Roi Méndez, a actriz Cristina Castaño, e os influencers Xurxo Carreño, Natalia Maquieira e Tamara García Romero foron os participantes nesta ocasión, e a súa experiencia foi seguida por milleiros de persoas durante as cinco xornadas en que percorreron os 100 últimos quilómetros do Camiño Mozárabe-Vía da Prata para conseguir a Compostela, entre o 31 de marzo e o 3 de abril.

Durante o Camiño os seis subiron vídeos e publicacións á súas contas de Instagram acadando máis de 9 millóns de visualizacións nas publicacións que fixeron nos seus muros e máis de 600.000 likes e preto de 8.000 comentarios nas fotos e vídeos que foron subindo durante a experiencia, baixo os cancelos #GaliciaDestinoSeguro e CamiñaAGalicia, promovendo que os seguidores agardaran con expectación as novas historias e incluso cancións que foron saíndo durante as xornadas do Camiño.

As historias dos seis participantes tamén tiveron repercusión tanto nos medios convencionais como noutras redes sociais, como Twitter ou TikTok, onde as súas experiencias foron seguidas por máis de 4 millóns de persoas.

A iniciativa volveu ser todo un éxito e, de feito, a conta oficial do Camiño de Santiago en Instagram @camiño_xacobeo incrementou en case 2.000 novos seguidores e os seus contidos foron visualizados por máis de 200.000 persoas durante estas cinco xornadas.