O tecido asociativo municipal continúa mostrando a súa solidariedade realizando achegas ao Concello para garantir a cobertura das necesidades básicas das familias e persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade durante a alerta sanitaria.
Agora foi a Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco quen entregou aos representantes municipais (o alcalde, José Manuel López Varela, e a edil Rocío López) 126 quilos de produtos cárnicos repartidos en catorce paquetes que os servizos sociais municipais distribuirán entre ese mesmo número de familias.
O Concello da Laracha agradece esta iniciativa solidaria da Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco, que se suma ás realizadas previamente polo club Laracha en Dúas Rodas, a Asociación Cultural Adro de Vilaño, a Asociación Cultural e Deportiva Santa Lucía de Soandres e o Club de Motomontañismo Arteixo, ademais dos comedores do CEIP Otero Pedrayo e da escola infantil A Galiña Azul e a achega da empresa Cultiagro-Seragra.