A convocatoria ordinaria da Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) de 2024 celebrarase entre o martes 4 e o xoves 6 de xuño. Así o acordou a Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG) nunha reunión decorrida este venres, na que tamén se puxo data á convocatoria extraordinaria: do 2 ó 4 de xullo.
A principal novidade é que a extraordinaria será a primeira semana de xullo e non a segunda. Isto permitirá, explica o ente organizador da selectividade galega, que o alumnado realice a súa solicitude de preinscrición de ingreso nos graos universitarios entre o 18 e o 22 de xullo xa coas notas definitivas e non coas provisionais, que sempre están suxeitas a posíbeis modificacións.
A CiUG subliña o «grande esforzo» realizado para poder desenvolver a ABAU en tres xornadas, a pesar dos «moitos cambios» que poden experimentar as probas de acceso á universidade tanto nos próximos modelos de exame como nos currículos, ao que se suma a aparición de novas materias en 2º de Bacharelato.
A historia do galego no franquismo, fóra da ABAU
Unha circular da Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG), órgano encargado de organizar os exames da proba de Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) elimina, para o exame de lingua galega, calquera posibilidade de realizar unha análise histórica e sociolingüística anterior ao ano 1981. “As preguntas sobre historia da lingua centraranse no galego despois da súa oficialización en 1981”, di textualmente a circular. Foron moitas as criticas por esta repentina decisión, que din que se busca esquecer a historia da nosa lingua. A xustificación que desde a CiUG deron a respecto desta mudanza xira a redor da entrada en vigor do decreto da Xunta da Galiza que modifica os contidos do bacharelato no país. Con todo, a CiUG tiña a postestade de manter o temario da ABAU como estaba até o de agora, polo que se ben a decisión é da CiUG, a responsabilidade última recae no Executivo galego.