A aceleradora aeronáutica BFAero bate récord de participación na súa terceira edición


Un total de 85 proxectos aplicables ao sector aeronáutico e dos vehículos non tripulados optan a formar parte da terceira edición da Business Factory Aero (BFAero), impulsada pola Xunta dentro do polo aeroespacial de Galicia, tras pecharse o prazo de presentación de solicitudes. Así, a aceleradora bate o seu récord de participación e practicamente duplica as cifras das dúas anteriores convocatorias, nas que se inscribiran 54 e 40 proxectos seleccionables, respectivamente.

Outro dato salientable nesta edición é a alta participación de proxectos de fóra de Galicia e incluso de fóra de España que xa ven a comunidade e o programa de BFAero como un referente e unha oportunidade para impulsar as súas ideas con drons. Dos 85 proxectos seleccionables, 27 son galegos (11 da provincia da Coruña, 9 de Pontevedra, 6 de Lugo e 1 de Ourense), 52 proceden doutras provincias españolas (19 de Madrid, 5 de Asturias, 3 de Barcelona, Valencia e Zaragoza, 2 de Gipuzkoa, A Rioxa, Málaga, Valladolid e Tarragona e os restantes de Albacete, Alacante, Almería, Castellón, Granada, Navarra, Salamanca, Santa Cruz de Tenerife e Sevilla) e 6 deles veñen de fóra de España (dous de Portugal e os catro restantes de Arxentina, Chile, Cuba e Francia).