- A charla será este venres a partir das 19:00 horas
A actriz Arantxa de Juan visitará este venres o Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte-MACCMO (Corme, Ponteceso) para dar unha charla sobre a obra de teatro ‘Unha muller perigosa’, escrita, dirixida e interpretada por ela mesma. Será ás 19:00 horas.
A peza relata a última hora da actriz italiana Anna Magnani antes de ir ao hospital, onde morrería días despois. A protagonista é unha muller perigosa «por dicir sempre a verdade, por non precisar un home e por ser unha persoa que desfruta do seu corpo», sinala a actriz.
Arantxa de Juan é unha actriz española de ampla e variada traxectoria profesional que ao longo da súa carreira combinou teatro e televisión. O seu éxito comezou formando parte do trío Las Veneno, e posteriormente participou en varias series nacionais como A las 11 en casa, Amar en tiempos, La pecera de Eva ou El síndrome de Ulises. No 2019 recibiu o premio á mellor protagonista nos Angeles Film Awards pola película Todos cambiamos.
De Juan colaborou ademais en diversas producións internacionais como Comisario Rex, Embassy (BBC) ou Paul Merton in Spain (BBC). A súa carreira está ligada a Nova York, cidade na que comezou os seus estudos de Arte Dramático e na que nos últimos anos estivo colaborando con Susan Batson, coach da actriz Nicole Kidman, Juliette Binoche e Ophrah Winfrey.