O Concello de Carballo presentará en breve a programación completa que xirará con motivo do Día das Letras Galegas. Como adianto, afirman que as actividades arrincarán o venres 5 coa actuación da Escola de Teatro Melandrainas, que presentará a adaptación teatral da novela Flores de ferro, da larachesa María Rei Vilas. O espectáculo, organizado pola Deputación da Coruña, comezará ás 21.00 horas no Pazo da Cultura, con entrada libre ata completar capacidade.
Flores de ferro é unha montaxe teatral creada por mulleres para dar visibilidade a outras mulleres. A Escola de Teatro Melandrainas cualifica a súa proposta coma “un proxecto de teatro 2.0”, no que se mesturan a representación en vivo coa proxección audiovisual para relatarnos as vivencias de Camila, protagonista do libro, a finais dos anos oitenta, cando descobre a verdadeira historia da súa familia.
Este proxecto teatral involucra a máis de sesenta persoas, e ademais é un traballo inclusivo, tanto porque o elenco está formado por persoas con diferentes capacidades como porque participan persoas de todas as idades, dende bebés ata maiores de 85 anos.