A Adega Agro de Bazán recibe o certificado do selo de garantía de Galicia Calidade


Esta empresa, que naceu hai máis de 35 anos da man dun ambicioso proxecto vitivinícola, ten a súa plantación na parroquia vilanovesa de Tremoedo e é todo un referente na Denominación de Orixe Rías Baixas.

O selo, con validez para os próximos tres anos, permitirá á empresa incluír o distintivo nas etiquetaxes dos produtos certificados, así como nas diferentes accións para a súa promoción comercial.

Ademais, os viños Granbazán contan con diversos recoñecementos e distintivos, os máis recentes son os obtidos o pasado 7 de xullo, nos premios da XXXIV Cata de viños de Galicia, evento que a Xunta organiza xunto ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas para recoñecer a calidade dos viños galegos en diferentes categorías.

A Adega recibiu dous galardóns: o viño Don Álvaro de Bazán conseguiu alzarse co Acio de Ouro na sección de Viños de Colleitas anteriores, obtendo desta maneira o máximo recoñecemento na súa categoría. Mentres, o viño Limousin foi distinguido co Acio de Prata na categoría de Viños de Elaboracións con madeira.

No sector do viño, Galicia Calidade conta na actualidade cun total de 19 adegas certificadas. Por D.Os, A Coroa, Bodegas Ruchel, Viños do Barco e Terriña na D.O. Valdeorras; Regina Viarum, Vía Romana e Finca Míllara, na Ribeira Sacra; Viña Costeira e Bodegas Nairoa no Ribeiro; Gargalo e Quinta do Buble en Monterrei; e na D.O. Rías Baixas, á xa comentada Agro de Bazán habería que sumar Adega dos Eidos, Valtea, Altos de Torona, Paco & Lola, Terra de Asorei, Adegas Valdés, Señorío de Rubiós.