A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) recibiu hoxe o premio “Solidarios” na categoría de Estamento da Administración Pública que outorga o Grupo Social ONCE. Á gala, que distingue a todos aqueles que destacan pola súa solidariedade, asistiu a directora de ADOS, Marisa López García, quen agradeceu ao Grupo Social ONCE a elección de ADOS como galardoada na presente edición destes prestixiosos premios.
A directora dedicou o galardón a todos os doantes, porque son eles os que coa súa xenerosidade e solidariedade salvan vidas todos os días, e aos profesionais de ADOS que coñecedores do seu carácter de centro esencial, velan por todos os 365 días do ano e fan posible co seu traballo que a cadea de solidariedade, que é sen dúbida a doazón, chegue a todos os recunchos de Galicia.
O Grupo Social Once Galicia recoñeceu o labor desenvolvido pola Axencia, no trinta aniversario da posta en funcionamento das campañas de doazón en unidades móbiles na nosa Comunidade, destacando o altruísmo da cidadanía galega, que realizou máis de tres millóns de doazóns neste período.