A aerolínea rexional británica Flybe non sobrevive ao coronavirus

1 minutes read

Tras meses con dificultades financeiras, a aerolínea rexional británica Flybe acaba de anunciar a súa quebra. O conselleiro delegado da compaía lamentou non conseguir «os fondos necesarios para continuar». Á súa debilidade financeira uniuse a recente caída no volume de negocio polo coronavirus, con cancelacións e un menor número de viaxes. O anuncio afecta a uns 2.000 traballadores. O Goberno de Londres dixo que vai axudarlles a conseguir novos empregos.

Explicábao Grant Shapps, secretario de Transportes do Reino Unido: «Todos estamos esnaquizados. Flybe, a xente estivo voando con eles 40 anos e tentamos facer todo o posible. Pero desafortunadamente, coa situación do coronavirus, unha compañía xa débil, témome que simplemente non puido sobrevivir».
Flybe, que tiña unha presenza importante en aeroportos como Aberdeen, Belfast, Manchester e Southampton, levaba a uns nove millóns de pasaxeiros ao ano a 27 destinos no Reino Unido e outros tantos en toda Europa. Fora fundada en 1979 e contaba cunha frota de 63 avións.