A afiliación dos Autónomos cae en picado


O ano 2019 comezou de maneira moi negativa para o sector dos Autónomos. Cada día do pasado mes de xaneiro, perdéronse no conxunto do Estado 6.608 empregos, 655 autónomos e o número de parados creceu diariamente en 2.692 persoas.

Os datos publicados polo Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social mostran un pésimo dato de emprego para comezar 2019. A Federación DE AUTÓNOMOS DE GALICIA, FEAGA valora moi negativamente estes datos, xa que a pesar de que xaneiro é tradicionalmente un mes malo para o emprego, este ano nótase dunha forma máis acusada que exercicios anteriores e presenta as peores cifras desde xaneiro de 2013.

Segundo os datos oficiais, o número de traballadores desempregados incrementouse en 83.464 persoas respecto ao mes anterior, o seu peor dato no últimos cinco anos, e a Seguridade Social perdiu 204.865 cotizantes, o que representa o peor xaneiro desde 2013. Por outra banda, o número de autónomos descendeu en 20.291 cotizantes ao RETA, o dato máis negativo desde o ano 2.012. A cifra é practicamente o dobre da do ano anterior, xa que en xaneiro de 2018 perdéronse 10.785 Autónomos.
Porcentualmente, a maior perda de autónomos rexistrouna Baleares (-1,1%, 974 autónomos menos que en decembro de 2018) e a menor Canarias, cun descenso do 0,4% dos seus autónomos, o que se traduciu nunha perda de 506 autónomos. Galicia perde só no mes de xaneiro, 1.359 Autónomos (45 Autónomos menos cada día de xaneiro na nosa Comunidade Autónoma), pechando o mes con 209.928, fronte aos 211.287 cos que finalizou decembro. Por provincias, A Coruña lidera a cifra de Autónomos, con 85.009 Autónomos, seguida de Pontevedra, con 66.407; a continuación, sitúase a provincia de Lugo, con 34.198 Autónomos, e pecha a estatística, Ourense, onde apenas se alcanza a cifra de 23.882 Autónomos.