A AGASP contará cun novo pavillón deportivo para prácticas

1 minutes read

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou os traballos de construción dun pavillón deportivo na sede da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) que avanzan a bo ritmo e xa están na súa recta final. De feito, prevese que os 123 alumnos da promoción de Policía Local da Academia que se están a formar desde finais de abril sexan os primeiros en estrear as novas instalacións para as súas clases de Educación Física e tamén para realizar deporte fóra do horario lectivo.

Tamén poderán ser usuarios da nova pista polideportiva cuberta os efectivos das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias que melloran a súa formación na Academia para levar a cabo o seu traballo diario con eficacia a través dos distintos cursos dos plans de formación continua da AGASP. En concreto, os participantes nos cursos con parte práctica para os que precisamente se require un espazo cuberto como, por exemplo, os de intervención ou operativa policial.

Ademais, no marco do convenio asinado en 2018 coa Secretaría Xeral para o Deporte, a Xunta pon á disposición das federacións deportivas galegas as instalacións da AGASP para levar a cabo as concentracións das seleccións galegas deportivas ou para facer labores de tecnificación e seguimento de deportistas de categorías base ou de formación. No marco deste acordo, ademais de facer uso da residencia, cando remate esta obra os distintos equipos federados poderán realizar as súas concentracións sen saír do recinto da Academia para entrenar.