A Agrupación Deportiva Un Paso Máis impulsa o Xadrez Educativo no CEIP Plurilingüe A Gándara – Sofán

1 minutes read

Esta semana, a Agrupación Deportiva Un Paso Máis achegou ao CEIP Plurilingüe A Gándara – Sofán unha serie de obradoiros de Xadrez Educativo dirixidos a todo o alumnado de Educación Primaria. A actividade, organizada conxuntamente pola ANPA e o equipo directivo do centro, enmárcase no compromiso constante do colexio coa innovación pedagóxica e a procura de ferramentas que potencien o desenvolvemento integral do seu alumnado.

Os obradoiros foron impartidos por Adrián Monteseirín e Valentín Costa, Instructor Escolar recoñecido pola Federación Internacional de Xadrez (FIDE), quen achegaron o xogo como recurso educativo, lúdico e formativo, adaptado ás distintas idades e niveis. A través de dinámicas participativas, os nenos e nenas exploraron o xadrez como vehículo para o pensamento lóxico, a atención, a creatividade e o respecto mutuo.

Desde a asociación Un Paso Máis, expresan a súa profunda satisfacción polo excelente traballo das organizadoras, o apoio activo do profesorado, e sobre todo pola entusiasta participación do alumnado, que fixo de cada sesión unha experiencia tan instructiva como enriquecedora.

O CEIP Plurilingüe A Gándara – Sofán continúa consolidándose como un referente na incorporación de metodoloxías innovadoras, demostrando que o xadrez, máis alá do taboleiro, pode ser unha ferramenta poderosa para a aprendizaxe e a inclusión. Pola súa banda, a asociación Un Paso Máis reafirma o seu compromiso co Deporte como vehículo de inclusión plena e real, promovendo actividades que favorecen o desenvolvemento persoal, social e emocional de todos os nenos e nenas, sen excepción.