A alcaldesa de Barreiros visita Carballo interesada no funcionamento da área de Servizos

1 minutes read
  • Tras unha xuntanza con Evencio Ferrero e Luis Lamas achegáronse a distintas instalacións municipais

O concello de Carballo presume de ser un modelo a seguir na prestación de servizos debido ás continuas visitas que está a recibir por parte de distintas corporacións galegas para coñecer de preto o funcionamento de diferentes áreas do municipio.

Despois da visita de membros do goberno local de Cedeira, Ponteareas ou Tomiño, este mércores Carballo recibiu á alcaldesa do concello lugués de Barreiros, Ana Belén Ermida Igrexas, e ao concelleiro de Medio Ambiente e Rural, Dámaso Ratoeira Basanta.

O principal obxectivo da visita foi coñecer diferentes actuacións da área de Servizos, e moi especialmente todas as relacionadas coa xestión dos residuos sólidos urbanos e a inminente posta en marcha da recollida selectiva dos residuos orgánicos en toda a zona urbana.

Tras unha xuntanza de traballo na Alcaldía, Evencio Ferrero e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, acompañaron aos representantes do Concello de Barreiros nun pequeno percorrido por distintos departamentos e instalacións municipais.