A alcaldesa de Betanzos advirte sobre a incerteza creada pola situación do transporte escolar


Non podemos deixar ao alumnado coa dúbida diaria de se poden ou non coller o autobús escolar e aos pais coa incerteza de se chega ou non ao colexio o seu fillo. É unha situación moi preocupante á que a Xunta non lle deu solución a pesar das queixas de pais e nais e o Concello desde hai semanas. “A piques de empezar o curso non podemos seguir con esta incerteza”, sinalou a alcaldesa, María Barral.

O asunto será tratado no Consello Escolar municipal e alí determinaranse as accións que “emprenderemos para esixir que se acabe con esa situación que a día de hoxe afecta a máis de 80 alumnos e alumnas dos centros públicos de Betanzos. Tamén se manterán conversas con outros municipios limítrofes afectados por este problema”.

O obxectivo é esixirlle á Xunta que ningún alumno nin alumna quede fóra do transporte escolar. As rutas integradas de transporte crearán, de cara ao próximo curso escolar, “importantes problemas a moitas familias betanceiras ao deixar fóra do servizo a uns 80 alumnos e alumnas, só do Vales Villamarín, que ata agora gozaban de autobús, ademais de verse afectados escolares do Francisco Aguiar e do IES As Mariñas”.