A alcaldesa de Camariñas carga contra o Sergas pola ausencia de pediatras na vila

1 minutes read
  • Nos últimos días varios veciños tiveron que recurrir á sanidade privada pola falta deste profesional na localidade

Este luns a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, reclamou ao xerente do Sergas na área sanitaria A Coruña – Cee, Luis Verde, unha solución «urxente» á ausencia de servizo de pediatría no municipio durante os últimos días.

A rexedora trasladoulle ao responsable do Sergas o malestar e a preocupación da veciñanza destacando que moitas persoas se están vendo obrigadas a recorrer á sanidade privada xa que «en Camariñas non hai pediatra e en Vimianzo non nos poden atender porque agora mesmo están saturados». O equipo de goberno local denuncia que se está producindo «outra vez máis o desmantelamento da sanidade pública».

Non é a primeira vez que pasa isto na vila mariñeira. En novembro do ano pasado Concello e veciños tiveron que solicitar a reactivación do servizo e no 2019 «loitamos para que Camariñas seguise contando con pediatra todos os días durante 4 horas», destacou Ínsua.