O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso recibiu no seu despacho da institución provincial á nova alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, no que foi o primeiro encontro oficial entre ambos tras as eleccións municipais de maio.
Ambos abordaron os plans do goberno municipal para este mandato e as posibilidades de colaboración entre ambas institucións para a mellora de diversas infraestruturas e servizos do municipio.
Entre outras cuestións, a alcaldesa solicitou a colaboración da Deputación para reformar os vestiarios e levar a traída de auga ao campo de fútbol da localidade, no que adestran e xogan uns 400 rapaces do municipio, e que non conta actualmente con este servizo básico.
Formoso confirmou que a Deputación colaborará co Concello de Cee no financiamento das obras, ben a través dos fondos do Plan único (polo que Cee recibirá arredor de 700.000 € este ano) ou dunha subvención nominativa que permita que o campo poida contar con subministración de auga.
Piscina de Cee
Margarita Lamela invitou ao presidente a visitar Cee para comprobar in situ a boa acollida da que goza a piscina municipal, reparada con fondos da Deputación, que conta xa con máis de 1.500 usuarios e usuarias e numerosas actividades para públicos de todas as idades.
A alcaldesa interesouse tamén pola posibilidade de instalar unha viseira na porta de acceso principal do edificio, que lles permita a usuarias e usuarios resgardarse do sol ou da choiva na entrada e saída.
Colaboración coa Fundación Fernando Blanco
Lamela expuxo tamén a delicada situación económica na que se atopa a Fundación Fernando Blanco tras a retirada, o ano pasado, da subvención de 18.000 euros anuais coa que Ferroatlántica colaboraba ao seu sostemento, xunto con outros 18.000 € que achega o Concello.
Margarita Lamela, que como alcaldesa de Cee tamén preside a entidade, segundo se estipula nos seus estatutos; explicoulle ao presidente a importancia histórica que para Cee ten a fundación, o museo e os fondos que nel se custodian, dende obras de arte coma cadros de Madrazo ou gravados de Calcografía Nacional a material didáctico e instrumental científico do século XIX.
González Formoso mostrou a disposición da Deputación a colaborar no sostemento dos gastos da Fundación cunha achega extraordinaria este ano e informou á alcaldesa sobre a posibilidade de que a Fundación solicite as liñas de subvencións de concorrencia competitiva existentes na área de Cultura da Deputación para museos e fundacións sen fins de lucro que desenvolvan un importante labor de difusión cultural no territorio, dotada con 400.000 euros anuais