A alcaldesa de Vimianzo absolta da acusación de presunta prevaricación presentada por Antelo

Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, queda absolta da acusación de prevaricación por parte do portavoz de Adiante Vimianzo, Manuel Antelo, no relativo ás “irregularidades na contratación do alumeado de Nadal do ano 2019”.

“Do actuado non aparece debidamente xustificada a perpetración do delito que motivou á formación da causa, polo que se procede a decretar o sobreseimento das actuacións”, reza o auto do Xulgado de Instrución número 1 de Corcubión.

Ao non interpoñerse ningún recurso por ningunha das partes, esta resolución é firme e procédese a arquivar a causa. A alcaldesa, quen recibira a notificación desta denuncia o mesmo día do pasamento do seu pai, admite non estar “sorprendida” ante o modo de actuar do portavoz de Adiante Vimianzo, e valora este novo “revés xudicial” como “unha proba máis de que a carreira política do señor Antelo está tocando fondo”, admitindo que “hai moito tempo que o seu primeiro obxectivo deixou de ser traballar polas veciñas e veciños de Vimianzo”, senón que “ten entre cella e cella acabar comigo e con este goberno, pero parece que o único modo de actuación son as denuncias administrativas e as calumnias”, sentencia.

Mónica Rodríguez, sinala que “calquera manobra por parte de Antelo non servirá para desestabilizarme, tanto a min como aos meus compañeiros e compañeiras, senón que son un revulsivo para continuar co traballo diario que facemos por Vimianzo”, e finaliza “dándolle as grazas tanto ao meu equipo, á xente que confiou en min, e que o único interese que me move e me moverá será traballar por e para o noso pobo”, sentenza.