A Alianza galega polo clima acada as 50 entidades adheridas en menos dun ano


Así o salientou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a sinatura do convenio de incorporación de Jealsa a esta iniciativa que avoga pola busca de accións conxuntas e coordinadas en torno á acción climática na Comunidade.

Logo de resaltar que á Alianza galega polo clima xa se uniron universidades, autoridades portuarias, clubes deportivos, organizacións sindicais, empresas e outras entidades, Ángeles Vázquez anunciou que se está a preparar un encontro entre os membros adheridos para seguir creando sinerxías de cara a avanzar no obxectivo de acadar unha Galicia neutra en emisións de CO2.

Cómpre lembrar que a adhesión a esta Alianza supón asumir as liñas estratéxicas marcadas polo Goberno galego nesta materia e unha serie de deberes como establecer accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático en Galicia; fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre este tema; promover e apoiar a investigación vinculada ao clima, e acelerar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.