- Sinala que as relacións laborais no municipio quedaron reducidas a unha negociación «a dúas partes».
A agrupación de funcionarios A Alternativa de Carballo remitiu un escrito á Valedora do Pobo no que demanda que interpele ao Concello pola «vulneración continua dos dereitos sindicais na nosa administración», afirmou o representante da entidade, Vítor Recarei Añón.
O funcionario asegura que as relacións laborais no Concello quedaron reducidas a «unha mesa para dous na que o goberno se senta a pactar todo con dous representantes sindicais que se outorgaron e a quen lles concederon plenos poderes, non se sabe baixo que dereito nin elección». A Alternativa denuncia que estas persoas están creando «ficcións necesarias» mentres obvian as normas que «non lles son de agrado».
Recarei tamén fai fincapé en que seguen sen convocarse as reunións da Xunta de Persoal e da Mesa de Negociación. No primeiro caso a xuntanza estaba prevista cada un ou dous meses pero xa pasou máis dun ano da última. No segundo caso, o funcionario sinala que a celebración da Mesa, prevista no Acordo regulador aprobado polo goberno e a maioría sindical, tiña que desenvolverse cada seis meses pero que tampouco se convocou a pesar de que «xa van facerse tres anos da publicación desta norma».
A Alternativa reclama o amparo da Valedora do Pobo para aclarar o motivo polo que non é chamada a esas xuntanzas cando os seus membros conseguiron representación co voto do 30% do electorado, un respaldo «moi superior, por exemplo, ao obtido polo propio presidente da Xunta de Persoal», afirma Recarei.
Tamén reclaman que non haxa transparencia en canto á comunicación de información aos traballadores municipais e denuncian unha «parálise absoluta» onde temas como a regulación do teletraballo, a carreira horizontal ou a mobilidade interna están «aparcados sine die».