A Alternativa de Carballo pon en dúbida a estabilidade do persoal no concello

2 minutes read
  • A agrupación demanda unha Oferta de Emprego Público 2020 integral, na que se inclúan todas as prazas que actualmente están vacantes no cadro de persoal

A agrupación de funcionarios A Alternativa, no concello de Carballo, móstrase descontenta cos anuncios de contratación de persoal por parte do executivo carballés.

O representante da Alternativa na Xunta de Persoal do Concello de Carballo, Vítor Recarei Añón, sinala nun comunicado que o concello non está apostando realmente pola estabilidade laboral, e que a través das redes sociais está transmitindo unha imaxe contraria do que relata.

Recarei fai referencia a unha publicación do Concello nas redes onde sinalaba que estaban facendo un seguimento dos procesos de contratación de persoal que xa estaban en marcha. Segundo Alternativa, das tres convocatorias ás que se fai referencia no anuncio, unha delas é a repetición dun proceso selectivo que quedou sen concluír hai catro meses, e outra é a publicación no taboleiro dunha acta dun proceso selectivo que tamén concluíu hai máis de tres meses.

Todas as administracións aproban, case cada ano, unha Oferta de Emprego Público (OEP) coa previsión das prazas vacantes no seu cadro de persoal que queren cubrir de forma definitiva (ben con persoal laboral fixo ou funcionariado de carreira). A execución de cada OEP, por lei, debe facerse dentro dos tres anos seguintes.

Segundo Alternativa, en Carballo a OEP 2017 e a OEP 2019 están sen executar en máis dun 90%, e o prazo límite para a execución da do 2017 está a piques de caducar. «A inmensa maioría das prazas estruturais acordadas polo goberno municipal están, literalmente, desaparecidas, pois nin se convocaron os procesos nin, semella, hai previsión ao respecto», sinala Recarei.

Outra das circunstancias que chama poderosamente a atención da agrupación de funcionarios é o anuncio de volver sacar a proceso selectivo, mediante Comisión de Servizos, unha praza na Policía Local que, segundo Recarei, «se ofertou de idéntica forma en xaneiro deste ano (sen que se informase publicamente da resolución do proceso), cando se convocou tanto esa praza como outra máis, de oficial, que si se cubriu por ese procedemento, aínda que en fraude de lei, como a xustiza determinou sen xénero de dúbidas».

Esta declaración fai referencia a un nova sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 da Coruña por unha demanda da Confederación Intersindical Galega [CIG] contra o Concello de Carballo, na que se pon de manifesto que determinadas comisións de servizos ás que vén recurrindo o goberno local nos últimos tempos son ilegais.

A Alternativa demanda, como en anteriores ocasións, a aposta por unha OEP 2020 integral, na que se inclúan todas as prazas que actualmente están vacantes no cadro de persoal. E tamén solicita que se aprobe un cronograma a tres anos (que é o marco que fixa a lei) para executar esa OEP, coa finalidade de que todo o persoal poida anticipar a convocatoria dos procesos e prepararse.