- Consideran que descartar a opción do teletraballo supón «non tomarse en serio a prevención de riscos fronte á pandemia» e «desprezar a opción da conciliación»
A agrupación de funcionarios A Alternativa móstrase descontenta pola falta de aposta, tanto por parte do goberno local de Carballo como por parte da maioría sindical, pola opción do teletraballo nun momento coma o actual, no que «esta opción debería ser preferente», sinala un dos membros da Xunta de Persoal do Concello de Carballo, Vítor Recarei Añón.
O pasado xoves, coñecido o borrador de proposta de volta ao traballo que se tiña
previsto aprobar na Mesa Xeral de Negociación do venres e con aplicación dende
este luns, A Alternativa rexistrou un escrito de consideracións no que principalmente se incidía nesta cuestión.
A organización do traballo aprobada o pasado venres supón unha reincorporación total e absoluta ao traballo presencial, con data tope no 22 de xuño, algo que a Recarei lle resulta estrano porque «xunto ao documento final aprobado, incluíanse numerosos
informes, e en todos eles se repetían unha e outra vez expresións a favor de perpetuar, sempre que fose posible, o teletraballo».
Desde A Alternativa consideran que descartar a opción do teletraballo supón, por unha banda, «non tomarse en serio a prevención de riscos fronte á pandemia» e, por outra, «desprezar a opción da conciliación», algo que choca coas palabras da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que o pasado xoves reclamaba que “na Galiza post-COVID, a conciliación ten que estar na axenda”.