- A formación pídelle ao goberno local que negocie coa representación do persoal unha OPE ambiciosa
A agrupación de funcionarios/as A Alternativa presentou un novo escrito reclamando «dunha vez por todas» a aprobación dun plan de estabilización no Concello de Carballo.
A formación destaca no documento que os organismos europeos e o Congreso dos Deputados xa demandaron a eliminación da precariedade e da temporalidade na administración.
«Mesmo onde goberna o BNG se teñen dado pasos nesa liña», destaca un dos membros da Xunta de Persoal de A Alternativa, Víctor Recarei Añón, quen ademais sinala que «só Carballo, contravindo o establecido no seu acordo regulador das condicións de traballo do persoal funcionario, se mantén paralizado e vulnerando os avances nos dereitos do seu persoal».
A asociación de funcionarios pide que o goberno municipal negocie coa representación do persoal unha Oferta de Emprego Pública (OPE) ambiciosa que inclúa un plan de estabilización que «remate dunha vez por todas con situacións viciadas que vulneran
os dereitos máis elementais do persoal municipal», sentencia Recarei.