A Alternativa pide que se manteña o teletraballo no Concello de Carballo

1 minutes read
  • A partir deste luns 22, no Concello carballés reincorporarase todo o persoal

A agrupación de funcionarios A Alternativa de Carballo segue pensando que non apostar polo teletraballo nos casos nos que sexa posible, é un erro por parte do goberno local.

Con motivo da reincorpación total do persoal este próximo luns, A Alternativa presentou este xoves un escrito no Rexistro Xeral onde sinala que a lexislación «non está de parte do goberno local, que ten a obriga de garantir, como mínimo, a opcionalidade do teletraballo durante tres meses máis, tempo, á súa vez, que debería ser suficiente para regular esta posibilidade con carácter de permanencia», afirma un dos membros da agrupación, Vítor Recarei.

A Alternativa fai referencia ao Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes
extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID 19, entre as que se atopa o teletraballo, fomentando esta modalidade fronte á cesación temporal ou redución da actividade.

«As normas referidas no BOE fixan a prioridade do traballo a distancia nun marco mínimo de tres meses a partir da declaración da fin do estado de alarma, o que no caso galego se
produciu o pasado luns, 15 de xuño, polo que debería extenderse, como mínimo, até o 15 de setembro», destaca Recarei.

No documento achegado ao Rexistro Xeral, A Alternativa tamén pide que se negocie e regule a organización do traballo para permitir, con carácter permanente, a opción do teletraballo como unha forma habitual de prestación do servizo do persoal do Concello de Carballo.