A ameaza de choiva non embazou o día do patrón en Carballo


Tras a resaca do fume, o churrasco e as sardiñas, Carballo amencía este venres con cheiro a rosas, fiuncho e ganas de festa. Unha festa que a choiva ameazante condicionou ao longo da xornada. Tras a misa en honra ao patrón, a procesión variou o seu percorrido e foi máis curta do habitual. A actuación da Banda do Conservatorio, prevista na rúa Coruña, trasladouse ao mercado, do mesmo xeito que se fixo co pregón. Como de costume, o alcalde, Evencio Ferrero, foi o encargado de facer a ofrenda a San Xoán:

“Santo Patrón, o solar do noso concello está sendo traballado con agarimo por milleiros de mans humildes e traballadoras para dar forma ao espazo no que nacemos e decidimos vivir. O espazo no que sentimos o arrolar de quen tanto nos quería pero hoxe xa ausentes. O espazo no que demos os primeiros pasos e aprendemos a camiñar na vida a carón das amizades e a través dos tempos, a través da historia. Un Carballo con lindeiros que se asentan no chan rexo da nosa xeografía e na amplitude dos nosos sentimentos. Un Carballo de respecto, solidario e que desexamos sempre sen violencias.

Igual que o océano e a terra se unen en nós, a nosa tristura sabe rir, seguiremos malia a dor, querendo que a festa sexa sempre motivo de unión e celebración porque no repertorio da vida ser feliz é a única peza importante. Houbo que limpar o medo pero xa fornos de pan continúan a cocer o molete que nos identifica e as cores foron derrubando muros con pintura, e foron os cesteiros, os canteiros, os ferreiros, os industriais, os comerciantes, a xente nova e a xente experta, pondo pedra a pedra, día a día, construíndo todo o que nos conmove e que chamamos o Carballo de sempre, aínda que teña polas esgazadas, pero guiados pola túa luz para lograr un lugar que nos afaste das miserias, das violencias, das bombas e das guerras.

Para todos e cada un pedimos a túa xenerosidade e amparo porque ben soubeches, santo patrón, que ao verter as augas do Xordán chegarían sagradas a toda a auga da terra e ao río da miña aldea para conseguir a mellora do noso solar, a mellora do que queremos, para ter luz na noite escura.

Seguirá a ser un labor de todos, calado, silandeiro, preciso e por iso precisamos a túa axuda. Neste día en que se activa máis o sentimento de carballeses estamos pedindo ao santo patrón toda a súa axuda e toda a súa comprensión.

Acolle pois esta ofrenda acalmada e danos, patrón dos carballeses a luz perpetua de outra cachela colectiva. Grazas polo que levamos feito, que as túas augas redentoras retornen ao Anllóns para regar de felicidade o corazón dos nosos carballeses que seguen a ser bos e xenerosos. Sabemos que contamos coa túa axuda, que pedimos e agradecemos, outro ano máis, para construír en paz e con xustiza un futuro de dignidade”.

Pola tarde houbo unha verbena infantil cos Mecánicos, a cuberto no Pazo da Cultura e xa pola noite o concerto de Tanxugueiras e a actuación da orquestra portuguesa Funçao Públika, puxeron o colofón ao día de San Xoán máis esperado, pero menos concorrido dos últimos anos.