As obras de ampliación da avenida da Deputación, no polígono industrial de Sabón, en Arteixo, obrigarán a realizar un corte de tráfico entre o enlace de acceso ao polígono industrial e a avenida da Moda entre ás 08,00 e as 20,00 horas esta fin de semana, tanto o sábado día 19, como o domingo día 20.
Para evitar no posible o impacto dos traballos no tráfico diúrno de vehículos na zona, habilítase, como desvío alternativo, a circulación pola estrada autonómica AC-552 e a avenida da Ponte. Estes desvíos estarán debidamente sinalizados e balizados.
A actuación no tramo da avenida da Deputación, comprendido entre os puntos quilométricos 0 e 0,3, faise necesaria para a execución de cinco cruces de calzada para as canalizacións de electricidade, telecomunicacións e iluminación que dan servizo a parcelas do polígono de Sabón, que inciden directamente sobre o ámbito de actuación das obras.
A concentración dos traballos na fin de semana, e de xeito previo á época de verán, trata de minimizar a afección aos usuarios e ao polígono, ao tempo que permite maior axilidade á propia obra.
Con esta programación, redúcese a dous días a afección con respecto ao que suporía realizar esta intervención co tráfico aberto, que suporía estender os traballos aproximadamente durante 10 días. A realización dos traballos na fin de semana tamén evita as retencións de acceso ao polígono durante as xornadas laborais. Ademais mellóranse as condicións de seguridade dos traballos e dos condutores, ao evitar a circulación durante a súa realización.
30