- Este servizo leva comida a domicilio a persoas maiores, dependentes ou en situación de exclusión social
O Concello de Carballo e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar asinaron un novo convenio de colaboración que permite ampliar en 20 prazas máis, ata alcanzar as 80, o programa ‘Xantar na Casa‘. Isto permite eliminar a lista de agarda e poder prestar o servizo a todos os veciños de Carballo que o tiñan solicitado.
‘Xantar na Casa’ permite levar comida a domicilio a aquelas persoas maiores de 60 anos que teñan limitada a súa autonomía persoal, persoas dependentes que non conten con apoio familiar para preparar os alimentos ou menores de 60 que se atopen en situación de exclusión social.
O custo do servizo é de 7,5 euros por persoa e día. Desta cantidade, o Consorcio achega o 46,66%; o Concello, o 26,67%, e a persoa beneficiaria, o outro 26,67%. Máis información na área de Igualdade e Benestar ou no 981 704 706.