Os problemas de aparcadoiro en horas punta no CHUS seguen sendo unha gran preocupación para usuarios e veciños, que sofren as consecuencias. O problema é coñecido e vén de vello. Pero podería ir a máis, agora que se van ampliar as instalacións do complexo e o proxecto non aborda os problemas de aparcadoiro.
Os usuarios reclaman que se amplían o centro deben ampliar as prazas, xa que son un ben básico para todos os usuarios que son citados diariamente nas consultas externas, os que aumentarám cas novas inmediacións.
“Temos o problema hai anos e non fan nada. O Sergas pásalle a pelota á Xunta, a Xunta ao concello de Santiago e o concello á Xunta. Precisamos unha solución xa”, explica Maruxa Guitián, voceira da Asociación de veciños de Santa Marta.
Reclaman ás administracións máis prazas e mellores accesos para poñer fin a un caos que tamén afecta aos veciños de barrios próximos como Santa Marta e A Choupana. Moitos teñen garaxe privado pero case ninguén que os visite ou lles preste servizo atopará onde estacionar.
“É horrible, as empresas se te teñen que atender pola mañá xa che din que non porque non teñen onde estacionar. Hai un aparcadoiro subterráneo, si, pero é carísimo e está completo”, lamenta a voceira da asociación veciñal.
Queren que o hospital medre pero piden máis planificación para o aparcadoiro e tamén unha mellora dos accesos. Aseguran que están desfasados e que se colapsan con frecuencia dada a cantidade de usuarios que move a área sanitaria.