A ANPA do CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba sairá á rúa para esixirlle á Xunta unha reforma integral do centro

Estado dunha das aulas do centro tras a caída do teito_Cedida.

O CEIP plurilinguë Barrié de la Maza de Santa Comba cumpre 50 anos no vindeiro mes de novembro. Dende 2021 o colexio ten solicitado á Consellería de Educación unha reforma integral, xa que o edificio presenta múltiples desperfectos e nunca se realizou ningunha obra maior.

A pasada semana cumpriuse un ano da caída de parte do teito dunha clase debido ás filtracións. Presentáranse múltiples instancias ante á Consellería e ao Concello de Santa Comba, conseguindo que estes realizaran algunhas pequenas actuacións de rascado do proxectado e pintura.

Coñecedora dos problemas existentes, a Xunta difundiu unha actualización do orzamento do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. Incrementaron un 27% ata os 243 millóns de euros para «impulsar a modernización dos centros», pero nada foi destinado ao Barrié de Santa Comba.

A situación en 2024 chegou a un limite insostible: hai aulas en situación precaria con filtracións, cunha balsa de auga sobre a cabeza do alumnado. A maiores, hai problemas graves de pingueiras na cociña poñendo en risco os equipos eléctricos ademais de deficiencias de gas nos quemadores comunicadas pola empresa subministradora Repsol.

«Pedimos a reforma integral do centro porque non hai como elixir unha prioridade: vivimos unha situación crítica. Ata cando estaremos suxeitos a riscos? Ata ocorrer un accidente importante?», expoñen dende a ANPA.

Por esta razón, dende a ANPA Xallas convocan unha manifestación para o día 9 de febreiro ás 16:30 horas diante do centro. O obxectivo é apoiar a solicitude da directiva do colexio e esixir unha reforma integral para o Barrié.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha