- Un dos mestres ten unha discapacidade auditiva e as máscaras facilitarán o seu labor como docente
A ANPA do CEIP Bormoio en Agualada, no concello de Coristanco, demanda á Xunta de Galicia máscaras transparentes para o alumnado para que poidan comunicarse mellor cun profesor que ten unha discapacidade auditiva.
Desde a ANPA sinalan que levan meses pedindo audiencia co xefe territorial da consellería de Educación da provincia de A Coruña, Indalecio Cabana Leira, pero que nunca reciben resposta. Demandan que se adapte o posto dun mestre cunha discapacidade auditiva (compatible coas funcións propias do corpo de mestres da Comunidade Autónoma de Galicia) entregándolles aos alumnos máscaras transparentes que facilitarán o traballo ao docente e, por conseguinte, mellorarán o rendemento escolar dos pequenos.
Desde a ANPA apoian totalmente a este profesor posto que «estamos ante un profesional atento, implicado, responsable, ao que non queremos perder.
Nun comunicado, o colectivo de pais do CEIP Bormoio tamén pide á Xunta que lles aclaren a negativa á solicitude de cambios de horarios no transporte, e que instalen mamparas e outros sistemas de protección no comedor escolar, dependente do goberno autonómico.