A aposta do Concello de Carballo polo fomento da lectura e polo uso da lingua galega dá este curso un paso máis

3 minutes read

Á consolidada oferta de clubs de lectura para diferentes idades sumarase unha nova proposta para todas aquelas persoas que, ademais de gozar lendo, queiran atreverse a escribir: un obradoiro de iniciación á escritura creativa en galego, centrado na narrativa de ficción e impartido pola escritora e xornalista Marta Villar.

A nova actividade, promovida pola Concellaría de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, desenvolverase de xaneiro a xuño nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, cun total de dúas sesións mensuais. Os encontros celebraranse os primeiros e terceiros venres de cada mes, de 16.00 a 17.30 horas, polo que ao longo dos seis meses de duración as persoas participantes poderán avanzar progresivamente desde os primeiros pasos da creación literaria ata a elaboración e revisión dos seus propios textos.

O obradoiro terá un carácter eminentemente práctico e abordará todo o proceso de creación dunha narración. Entre os contidos previstos figuran os elementos básicos da narrativa, a construción de escenas, as técnicas narrativas, a xeración de ideas e o desbloqueo creativo, a creación de personaxes e diálogos ou o traballo coas distintas voces narrativas.

As sesións incluirán tamén lecturas críticas e guiadas, exercicios e dinámicas de creación, así como a revisión e posta en común dos textos elaborados polo propio alumnado. O obxectivo é ofrecer ferramentas básicas para iniciarse na escrita de ficción, pero tamén crear un espazo compartido no que experimentar, perder o medo á páxina en branco e aprender a mirar os textos propios e alleos cunha perspectiva crítica e construtiva.

Da lectura á escritura

A incorporación deste obradoiro supón unha evolución do traballo que o Concello de Carballo vén desenvolvendo arredor do libro, da lectura e da lingua. Nos últimos anos foi medrando progresivamente a rede de clubs de lectura municipais, ata configurar unha oferta que abrangue desde a primeira infancia ata a idade adulta.

A programación inclúe grupos de animación á lectura para os máis pequenos e pequenas, clubs infantil e xuvenil en galego e propostas para persoas adultas. A elevada participación e a continuidade de boa parte das persoas integrantes permitiron consolidar estes espazos non só como actividades de fomento lector, senón tamén como lugares de encontro, intercambio e conversa arredor da literatura.

Marta Villar coñece ben esta experiencia, xa que nos últimos cursos vén participando activamente na dinamización dos clubs de lectura municipais. Agora será tamén a encargada de acompañar ás persoas participantes neste novo paso: pasar de comentar as historias escritas por outros e outras a crear as propias.

A concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ángeles Pacoret, destaca precisamente esa continuidade entre ambas as propostas: «Os clubs de lectura demostraron que en Carballo hai moitísimo interese pola literatura e tamén ganas de compartila. Con este novo obradoiro queremos abrir outra porta: ofrecer un espazo para quen algunha vez pensou en escribir unha historia pero non soubo como empezar, e facelo ademais en galego, demostrando que a nosa lingua é tamén unha ferramenta viva para crear, imaxinar e contar».

O Concello pretende deste xeito seguir ampliando unha programación estable arredor da lectura e da creación literaria, favorecendo ao mesmo tempo a presenza e o uso do galego tamén nos ámbitos do lecer, da cultura e da expresión creativa.

As persoas interesadas nos diferentes clubs de lectura poden informarse sobre prazas, condicións e inscricións nas bibliotecas municipais de Carballo ou no Servizo de Normalización Lingüística, e para o obradoiro de escritura creativa poden inscribirse en carballo.gal.