Tratouse dunha iniciativa desenvolvida ao longo dos últimos meses co obxectivo de promover a igualdade, o respecto á diversidade afectivo-sexual e de identidade de xénero, así como a sensibilización social a través da formación, a participación comunitaria e as artes escénicas.
Durante esta edición, ‘Ser e sentir’ impulsou accións dirixidas a concellos, entidades sociais, centros educativos e público xeral, consolidándose como un espazo de diálogo, visibilidade e reflexión arredor dos dereitos, as liberdades e a dignidade das persoas.
Aínda que a campaña institucional chega ao seu remate, o programa cultural inclúe dúas actividades de narración oral que se terán lugar nas próximas semanas: Vicio houbo sempre, onde Atenea García presenta historias de vida recollidas a mulleres maiores de 80 anos arredor do desexo, do pracer e da sexualidade, chegará a dúas localidades coruñesas.
A actividade de Boiro terá lugar o venres, 23 de xaneiro, ás 20 horas, no Centro Social de Abanqueiro; mentres que a de Val do Dubra será o 24 de xaneiro, ás 20 horas, no Auditorio de Bembibre.
A deputada de Igualdade, Sol Agra, anima a poboación a asistir a estes espectáculos e agradece a colaboración dos concellos e das entidades sociais implicadas, así como o apoio da veciñanza, «fundamental para o desenvolvemento e o éxito da campaña». Do mesmo xeito, reafirma o compromiso da Deputación «coa defensa dunha sociedade máis xusta, diversa e igualitaria».
‘Ser e sentir’ 2025, unha campaña descentralizada
A campaña ‘Ser e sentir’ desenvolveuse ao longo de 2025 con motivo da conmemoración do Día da Diversidade Sexual, baixo o lema Liberdade de ‘Ser e sentir’, co propósito de reforzar o compromiso institucional cos dereitos das persoas LGTBQI+ alén dunha data concreta no calendario.
Ao longo do ano, a campaña incluíu a actualización de contidos informativos e educativos con propostas de literatura LGTBQI+ galega, estatal e internacional, recursos audiovisuais e materiais adaptados a diferentes idades, postos a disposición na web seresentir.gal.
Tamén se elaboraron materiais para puntos de información LGTBQI+, desenvolvéronse palestras sobre igualdade e non discriminación no ámbito laboral, diversidade corporal e sexualidades disidentes, programáronse representacións teatrais para distintos públicos en vinte concellos da provincia e instaláronse puntos LGTBQI+ en oito municipios. A campaña completouse co envío de material divulgativo a concellos de menos de 30.000 habitantes, reforzando así o seu carácter descentralizado e continuado no tempo.