A área de Turismo da Deputación cancela a participación en feiras polo coronavirus

1 minutes read

O vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, anunciou a decisión de cancelar a participación no programa de feiras e outros eventos internacionais para evitar riscos de contaxio polo coronavirus. A Deputación convoca xunta de portavoces para tomar medidas de prevención sanitaria na institución.

«Por unha parte quérese evitar riscos de contaxio por parte do persoal da Deputación e tamén contribuír ao control da evolución do mapa de difusión da enfermidade», sinalou Xosé Regueira.

Desde o Servizo de Turismo valoran tamén que algúns destes eventos xa se cancelaron e outros anularanse ou trasladaranse de datas nos próximos días ademais de considerar que os que se manteñen están a ter unha baixa repercusión pola caída de participantes e a anulación da asistencia de moitos dos países de grande impacto no sector.

«Sen querer ser alarmista si queremos actuar de maneira responsábel e previr calquera posíbel contaxio xa que as recomendacións sanitarias indican que este é o momento de actuar para impedir que os contaxios vaian a máis», sinala Regueira.