A arquitectura, protagonista do calendario do Concello de Carballo 2022

Cedida

  • Cada mes conta cun elemento arquitectónico representativo do municipio

Este mércores, a recentemente reformada aula de formación do mercado municipal de Carballo acolleu a presentación do almanaque municipal para o próximo ano. Trátase dun calendario que forma parte do proxecto ‘Carballo. Guía ilustrada de arquitectura’.Editado pola Concellaría de Normalización Lingüística, a arquitectura é a auténtica protagonista, establecéndose por cada mes un edificio representativo para o pobo carballés como o propio mercado, a Casa do Concello, o Fórum Carballo, a Biblioteca Rego da Balsa, o Museo de Bergantiños, o Pazo da Cultura, as antigas escolas do Xardín, a igrexa de San Xoán Bautista, a capela da Milagrosa, o Casino, a estación vella de trolebuses e os depósitos da auga.

No acto de presentación interviñeron a concelleira de Normalización Lingüística, Maruxa Suárez; o autor do calendario, Xaime Díaz, e o alcalde, Evencio Ferrero. «No 2021 quixemos que o protagonismo do almanaque fose para a cidadanía, para os veciños e veciñas que viron pasar dende as súas ventas os larguísimos días de confinamento do ano pasado, e que retrataron, cada un e cada unha ao seu xeito, outras formas de ver Carballo», sinalou Suárez. E esas formas están, por suposto, na arquitectura. Este proxecto «non foi cousa dun día, senón que vén de lonxe», engadiu a titular de Normalización. En concreto a idea xurdiu no curso de verán sobre arquitectura que organizaron no ano 2012 a Universidade da Coruña e o Concello de Carballo, e que «precisamente foi o xerme das iniciativas de arte urbana nas que, case unha década despois, somos unha referencia».

Xaime Díaz, que traballa dende hai anos no Concello, destacou que o calendario é a primeira entrega dunha iniciativa que continuará, e explicou que a documentación está representada mediante tres medios: a ilustración, a fotografía e a ficha identificativa con datos dos edificios seleccionados. Este traballo tamén queda en familia, posto que o autor contou coa colaboración da súa filla Clara Díaz e o seu sobriño Diego Díaz.

O almanaque pode adquirirse no mercado municipal, na Casa do Concello, o Pazo da Cultura, o Fórum Carballo, a biblioteca Rego da Balsa e no Museo de Bergantiños.