- A técnica de Turismo, Maite Parga, participou este luns nunha xornada profesional sobre “A arte urbana como elemento transformador do espazo público”
Profesionais do sector da cultura e dos museos, empresas tecnolóxicas, institucións e universidades participan estes días no foro CM Málaga: Culture and Museums International Tech Forum. Alí tamén está presente o Concello de Carballo, mostrando ao mundo os proxectos de arte urbana. Durante a tarde deste luns a técnica de Turismo, Maite Parga, participou nunha xornada técnica profesional sobre “A arte urbana como elemento transformador do espazo público” xunto con Natalia Pérez, directora creativa de Street Art Málaga, e o artista urbano Mutante Creativo.
Pero en Málaga tamén se atopa o concelleiro de Promoción Económica e Turismo e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, que forma parte do panel de expertos en tecnoloxías aplicadas á cultura e aos museos xunto con representantes da empresa líder en audioguías, do congreso internacional Sonar +D e do Consello Internacional de Museos, entre outros.
CM Málaga é un encontro internacional e multidisciplinar no que, tomando como referencia os conceptos de cultura e patrimonio, se debate sobre como as novas tecnoloxías están a crear formas de xestión cultural e turística máis sostibles e dixitalmente avanzadas, incidindo no desenvolvemento e a transformación das cidades e dos espazos urbanos, e neste ámbito Carballo é un referente.