Ao longo deste ano o profesorado galego leva organizando diversas accións reinvindicativas que, no primeiro trimestre, remataron coas dúas xornadas de folga no mes de decembro.
Agora, unha vez retomadas as actividades lectivas, retómanse tamén as mobilizacións propostas polos sindicatos CIG e STEG ás que as distintas Asembleas Abertas do Profesorado, constituídas por centros de toda Galiza, deciden sumarse.
Así, dende esta semana haberá peches en centros de todo o territorio e comézanse os “Martes en loita”, unha xornada na que a través de carteis e actos nos centros se busca dar visibilidade aos graves problemas que afectan ao ensino público. Reducir a ratio por aula para atender mellor ao alumnado, recuperar as horas lectivas ampliadas hai máis de 10 anos, máis recursos para atención á diversidade e redución da burocracia que, cada vez máis, afoga ao profesorado son algunhas das demandas xerais. Porén, a Asemblea pontecesana reclama tamén melloras nas infraestruturas do centro.
E é que agardan dende hai anos solucións para un tellado que xa non pode máis. Hai dous cursos, o seu grave deterioro xa provocara a caída do falso teito duha aula, por sorte, fóra do período lectivo. Lonxe de arranxar as pingueiras, a solución foi mudar o falsoteito. Hai uns meses volveu inundarse e houbo que clausurar a aula. As inclemencias meteorolóxicas da semana pasada só agravaron o problema ao voar parte do tellado. Aínda que por sorte non houbo dano persoais, rompeu o teito do pavillón e agora son catro as aulas clausuradas ás que se engaden outras dúas co uso limitado polas novas pingueiras.
A Asemblea Aberta do Profesorado do IES de Ponteceso reclama solucións para os problemas dun centro con dous edificios nos que chove dentro e que cada vez complica máis a situación para o seu alumnado, principal prexudicado por esta situación.
4