Na tarde deste mércores o BNG de Ponteceso celebrou unha nova sesión da súa Asemblea Local, a segunda despois do 28M. Nesta nova sesión, unha vez postas en común as conversas mantidas con varios grupos políticos en relación á posibilidade de adoptar acordos para o novo goberno de Ponteceso, decidiron facer pública a seguinte comunicación:
- Mantemos a posición comunicada en campaña electoral: o BNG non vai apoiar nin reforzar a investidura como alcalde de Lois García Carballido nin formará parte dun goberno con el.
- Se o PSOE quere que a nosa asemblea valore a posibilidade de iniciar algún tipo de negociación ou acordo: primeiro debe facerse EFECTIVA a renuncia de Lois García Carballido a tomar posesión da súa acta de concelleiro 2023/27. Así foi que o acordamos na nosa primeira sesión post 28M; así foi que a nosa portavoz, Fátima Rodríguez Gonzálvez, o comunicou o sábado á portavoz do PSOE, Noelia Varela; así foi que llo reiterou na mañá do mércores 7 de xuño; e así é que o volvemos acordar en asemblea local por segunda vez reunida despois do 28M.
«Queremos aclarar así mesmo que o noso espazo político sempre estará na esquerda e na defensa das clases populares», conclúen dende o BNG de Ponteceso.